Indica publicitat
Dissabte, 31 d'octubre del 2020
CASTELLANO  |  ENGLISH  |  GALEGO  |  FRANÇAIS
tribuna.cat en format PDF
Cerca
Divendres, 6 de març del 2009 | 14:49
Crònica · Galiza

Cambios no PSdeG, calma tensa no BNG

Só dun día despois das eleccións galegas, o 2 de marzo, o presidente da Xunta en funcións, Emilio Pérez Touriño, presentaba a súa renuncia como secretario xeral do PSdeG. O ex candidato socialista á Presidencia respondía co abandono do liderado á desfeita electoral. Touriño culminaba coa dimisión o seu suicidio político, que comezara o pasado outono ao desoír as recomendacións do secretario de Organización do PSOE, Pepe Blanco, que o instaba a adiantar as eleccións a outubro, unha época na que tanto o socialista coma o nacionalista Anxo Quintana aprobaban todos os inquéritos, o bipartito non sufría desgaste ningún e Alberte Núñez Feixóo, o agora presidente electo da Xunta, non era un candidato ben considerado polos galegos e galegas.


Touriño, que apostou por unha campaña personalista e baseada nun carisma do que carece, será substituído probabelmente por Manuel Vázquez, conselleiro de Medio Ambiente en funcións e ex alcalde do Carballiño. Pepe Blanco xa apostou por este socialista hai uns días como próximo secretario xeral do PSdeG, ao igual que oito dos 13 membros da comisión xestora que dirixe arestora o partido e que está presidida polo conselleiro de Traballo, Ricardo Varela, quen xa se descartou da carreira pola sucesión. A elección de Vázquez, que se fará posibelmente oficial no congreso que os socialistas galegos prevén celebrar a finais de abril, responde ao xiro españolista do PSdeG. E é que Manuel Vázquez foi protagonista das maiores diverxencias co ex socio do bipartito, o BNG. O político ourensán foi o que máis se opuxo ao decreto eólico que desenvolveu a Consellaría de Industria, dirixida polo nacionalista Fernando Blanco, cunha campaña de suspicacias e sospeitas. O PSdeG xa anunciou a intención de Touriño de converterse nun "militante de base". Segundo os socialistas, o presidente da Xunta en funcións deixará o Parlamento tras a primeira sesión do debate de investidura, o 1 de abril.

Mentres que o PsdeG optou por unha renovación rápida, o BNG avoga pola calma. O pasado luns reuníase a Executiva dos nacionalistas para facer balance da campaña e para anunciar que tomar decisións en quente sería un erro, xa que a dimisión de Quintana deixaría o BNG nun "baleiro de poder". A formación frontista inicia un proceso de reflexión que se pode clarificar o sábado 14 de marzo coa reunión do Consello Nacional. Os sectores críticos do partido, que quedaron fóra das listas electorais, piden que se convoque "xa" unha Asemblea Nacional para renovar a cúpula da organización, pero todo apunta a que esta se celebre a finais de ano. A dirección alega que sería contraproducente un debate interno a tres meses das europeas.

Quen pediu publicamente a cabeza de Quintana e a dimisión de toda a Executiva foi o ex portavoz nacional do BNG, Xosé Manuel Beiras. O líder do Encontro Irmandiño preferiu anuncialo nunha rolda de prensa e non asistiu ao encontro que a Executiva organizou o pasado luns. O nacionalista asegurou que xa existe un "baleiro de poder" desde o domingo, tras a perda de representación na Xunta. Nesta liña, esixiu "xa" unha Asemblea Nacional na que se lle dea voz "a toda a militancia" e que entre tanto dirixa a formación un "órgano interno de xestión". Esta corrente que se insire no Bloque Nacionalista Galego avoga pola "refundación" do partido e pediu un exercicio de "autocrítica" ao "aparello vertical de poder que provocou esta situación de fraude democrática". O que deixou claro Beiras é que o Encontro Irmandiño "non quere guerras civís" no seo do Bloque. O ex portavoz nacional volveu deste xeito á palestra da vida política nacionalista tras desenvolver un discreto papel nos últimos anos. 

O secretario de Organización do BNG, Alberte Ansede, rexeitou opinar sobre "o contido" das palabras de Beiras, pero si considerou "unha mágoa" que as afirmacións vertidas aos medios non llas fixese ao resto de membros da Executiva na reunión do luns, á que o líder do Encontro Irmandiño non acudiu. O secretario de Organización do BNG defendeu que as decisións, "como sempre, realizaranse de forma democrática", e explicou que o debate abrirase no Consello Nacional do 14 deste mes e que continuará coas asembleas comarcais e locais.

O Grupo Parlamentar do BNG conformarase sen que os cargos da dirección sexan renovados na Asemblea Nacional, xa que a lexislatura comezará o 1 de abril. Os nacionalistas non ven un problema na conformación do grupo sen concluír a renovación, xa que o regulamento permite a reorganización do grupo no caso de que haxa dimisións e alguén renuncie á súa acta de deputado. Isto deixa aberta a modificación dos membros do grupo, do que quedaron fóra parlamentarios que o foron no anterior mandato, como Fernando Blanco Parga, Carme Da Silva ou Xosé Ramón Paz Antón.

Versió PDF Imprimeix
Col·labora amb Tribuna.cat
Si vols fer una aportació econòmica, emplena les següents dades, escull la quantitat econòmica que vols aportar i el mètode de pagament que prefereixis. Estem molt agraïts per la teva col·laboració.
COL·LABORA-HI
Indica publicitat