Indica publicitat
Dilluns, 24 de setembre del 2018
CASTELLANO  |  ENGLISH  |  GALEGO  |  FRANÇAIS
tribuna.cat en format PDF
Cerca
Divendres, 10 de setembre del 2010 | 06:04
Crònica · Galiza

E Galiza fica sen as competencias de tráfico

Unha vez máis, Galiza fica sen un dos dereitos dos que gozan desde hai anos Catalunya ou Euskadi: a competencia en materia de tráfico. E iso, malia o acordo ao que PPdeG, PSdeG e BNG acadaran no Parlamento galego no 2008. Os deputados populares e socialistas esqueceron o compromiso adoptado en Compostela, así que o Congreso nin sequera tomará en consideración a proposición de lei aprobada polos tres grupos con representación na Cámara galega. Os 25 apoios do BNG, CiU, ERC, Nafarroa Bai, PNV, CC e IU-IC quedaron lonxe dos 165 votos en contra do PSOE e da abstención do PP (146). Os deputados galegos do PP e do PSOE tamén impediron que Galiza conte nun futuro cunha policía propia do país, ao igual que os Mossos d'Esquadra ou que a Ertzaintza.

Durante o debate, o portavoz do PSdeG no Parlamento galego, Xaquín Fernández Leiceaga reclamoulles aos deputados do Congreso "que non desoian a voz unánime de Galiza, esta é unha mera admisión a trámite". A continuación, o parlamentar do PPdeG, Pedro Puy, advertiu de que a proposición non de lei aceptada polos tres grupos da Cámara galega "nada ten a ver cun debate puramente identitario, senón cun debate racional da organización do poder". Puy subliñou o feito de que Catalunya accedese a xestionar o tráfico a través do artigo 150.2 da Constitución, o mesmo ao que apelou Galiza para acadar a materia. Porén, as intervencións do socialista e mais do popular non convenceron os seus compañeiros de filas. Neste senso, o BNG acusou o PPdeG e o PSdeG de actuaren como simple "sucursal" dos seus partidos, "que sempre anteporán as ordes de Madrid aos intereses dos galegos".

Ao finalizar o debate do Congreso do pasado martes, os representantes da Cámara galega realizaron unha breve réplica na que o deputado do BNG e ex vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, sinalou que "tan democrático e lexítimo é estar a favor da policía galega como estar en contra, pero o que non é admisíbel é que as forzas políticas do Estado digan unha cousa na Galiza e outra diferente aquí".

Comparanza con Catalunya

O deputado do BNG insistiulles ao PP e ao PSOE que a transferencia de tráfico a Galiza "é o mesmo procedemento para Galiza que para Catalunya". "Iso si, hai unha diferenza, eles son cataláns e nós galegos e cando se fala de Catalunya fálase de cuestións de Estado e de Galiza non", engadiu. Pola súa banda, o portavoz do BNG no Congreso, Francisco Jorquera, apuntaba momentos antes de comezar o debate que "moito nos tememos que asistamos ao espectáculo de que os deputados galegos desta Cámara voten en contra". E así foi. Jorquera lembrou que durante o primeiro Goberno de José María Aznar, sen maiorías absolutas, CiU logrou a competencia de tráfico para Catalunya.

Por que Galiza precisa a competencia?

Dadas as singularidades da orografía, faise necesario que Galiza conte coa materia de tráfico. Ao igual que desde Madrid non se deberan tomar decisións en materia marítima, tampouco desde a planicie da meseta deberan adoptarse decisións acerca dunha rede de estradas cunhas peculiaridades diferentes e non homologábeis a outras partes do Estado. Galiza posúe 2,7 millóns de habitantes que habitan en 32 núcleos poboacionais -a metade do total estatal, característica que tiña que ser atendida para tratar o tráfico como un feito diferencial, como xa acontece en Catalunya ou Euskadi.

Os datos tamén corroboran que os galegos e galegas deberiamos organizar esta materia, xa que contamos cunha taxa de sinistralidade nas vías interurbanas superior á media estatal. Só no 2009, o número de accidentes con feridos en Galiza foi do 6,85% e con vítimas mortais, do 9,33%. Estas cifras representan case un 64% máis do que lle tería que corresponder, dado o seu peso poboacional (o 6% do total do Estado). Ademais, o clima, a orografía e a dispersión da poboación son os principais factores que inciden na alta taxa de sinistralidade nas estradas galegas, que debido ás características citadas posúen trazos sinuosos, un gran número de cruzamentos e numerosas incorporacións.

Chama a atención que Galiza sexa unha das autonomías nas que máis recada o Estado por infraccións de tráfico, fondos que apenas se destinan á mellora da seguridade viaria do territorio. Mais, como seguimos dependendo do Ministerio do Interior -por mor dos votos en contra do PSOE e da abstención do PP-, seguiremos sen reforzarmos a seguridade viaria. Até cando a marxinación a respecto dos cataláns e dos vascos?

Versió PDF Imprimeix
Col·labora amb Tribuna.cat
Si vols fer una aportació econòmica, emplena les següents dades, escull la quantitat econòmica que vols aportar i el mètode de pagament que prefereixis. Estem molt agraïts per la teva col·laboració.
COL·LABORA-HI
Indica publicitat