Indica publicitat
Dissabte, 31 d'octubre del 2020
CASTELLANO  |  ENGLISH  |  GALEGO  |  FRANÇAIS
tribuna.cat en format PDF
Cerca
Divendres, 16 d'octubre del 2009 | 13:21
Crònica · Galiza

Queremos galego!

Calquera actuación en defensa da lingua é vital nos tempos que corren. Arestora, o galego non goza dos dereitos nin sequera no seu propio país. O Estatuto de Galiza sinala que os poderes públicos "garantirán o uso normal e oficial dos dous idiomas e potenciarán o emprego do galego en todos os planos da vida pública, cultural e informativa". Malia o recollido no texto, a nosa lingua segue sen ter garantida a presenza mínima do seu recoñecemento de oficialidade.



Asistimos con perplexidade aos episodios protagonizados por dirixentes do PPdeG -partido que nos seus estatutos se define como "galeguista"- e por altos cargos das institucións públicas. Desde a tribuna do Parlamento, deputados e deputadas do Partido Popular diríxense ao Pleno en castelán e mesmo fan gala do seu uso malia dominar o galego. Tamén algúns conselleiros e conselleiras comparecen en castelán nas súas intervencións públicas. Mesmo algúns cargos do Goberno galego empregan topónimos deturpados na Cámara. Incumpren deste xeito a Lei de Transparencia da Administración, que estabelece que os cargos públicos da Xunta de Galiza "usarán normalmente o galego, oralmente e por escrito, nas relacións coa cidadanía".

En menos de seis meses, o Goberno do PP modificou a Lei da Función Pública para evitar que se garanta o uso do galego na Administración, eliminou o decreto de infantil que fai referencia á norma que regula o uso e promoción do idioma, suprimiu as axudas aos programas de inmersión lingüística en ámbitos castelanfalantes no ensino infantil, atrasou as axudas á normalización, eliminou as subvencións ás traducións literarias ao galego... Antes de que remate o ano tamén publicará o novo decreto que rexerá o uso e promoción da lingua no ensino para evitar que ao menos o 50% das materias se impartan no noso idioma -norma que se mantén vixente e que nin sequera se está a cumprir.

Ademais dos recortes da xa por si cativa lexislación en materia lingüística, a actual Xunta de Galiza tenta concienciar e introducir na cidadanía prexuízos como a falsa "imposición do galego" ou mitos que son inexistentes, como que o noso idioma "non serve para todos os contextos" ou que falar galego é sinal de "atraso" e de "inferioridade".


Manifestación o 18 de outubro

Neste contexto, a plataforma cidadá "Queremos Galego" celebra o vindeiro domingo -18 de outubro- unha manifestación a prol da lingua. Este colectivo, que é a maior expresión en defensa do galego da historia, acolle a día de hoxe máis de 500 entidades e máis de 3.000 apoios individuais na páxina web www.queremosgalego.org. A marcha partirá ás 12.00 horas do día 18 da Alameda de Santiago de Compostela e percorrerá as principais rúas da cidade para rematar coa lectura dun manifesto.

Ademais de contar coa presenza do BNG, Esquerda Unida e da FPG -os tres grupos políticos forman parte da plataforma-, na mobilización participarán o PSdeG, o Partido Galeguista, Coalición Galega e Terra Galega. Coa suma dos socialistas, só o PP permanece á marxe da convocatoria. Con todo, destacados militantes populares, como o fillo do ex dirixente Xosé Cuíña, confirmaron a súa asistencia para amosar o seu desacordo coa liña lingüística que están a seguir os conservadores no Goberno. No eido sindical, a CIG adheriuse a "Queremos Galego", aínda que CC OO e UGT non participan na plataforma nin van acudir á marcha como organizacións.

Todo apunta a que será a mobilización máis concorrida a prol do galego, xa que segundo a organización o número de autobuses fretados dobra os da manifestación celebrada o 17 de maio co gallo do Día das Letras.

Cómpre que a sociedade actúe ante o estado de saúde preocupante que sofre a lingua e fronte á política desgaleguizadora que está a practicar o PP desde o Goberno. Como recolleu Castelao no Sempre en Galiza non esquezamos que "se aínda somos galegos é por obra e gracia do idioma". Lembremos que quen non defende unha lingua, transmite un complexo de inferioridade. Quen renuncia ao seu idioma é un ser que deixará sempre someterse. Vémonos o día 18 de outubro en Compostela!

Versió PDF Imprimeix
Col·labora amb Tribuna.cat
Si vols fer una aportació econòmica, emplena les següents dades, escull la quantitat econòmica que vols aportar i el mètode de pagament que prefereixis. Estem molt agraïts per la teva col·laboració.
COL·LABORA-HI
Indica publicitat