Indica publicitat
Dijous, 18 d'octubre del 2018
CASTELLANO  |  ENGLISH  |  GALEGO  |  FRANÇAIS
tribuna.cat en format PDF
Cerca
Divendres, 21 de maig del 2010 | 14:54
Crònica · Galiza

O PP aproba o decreto que reduce o galego no ensino

O polémico "decreto do plurilingüismo" -nome baixo o que se agocha a redución do galego- foi aprobado onte no Consello da Xunta. O PP deulle luz verde malia as numerosas mobilizacións nas que participaron milleiros de galegos e galegas que pediron a retirada desta norma. A última manifestación tivo lugar o pasado luns, Día das Letras, no que unha vez máis a cidadanía ateigou a Praza do Obradoiro de Santiago de Compostela en defensa do seu idioma.

Pouco lle importou a Alberte Núñez Feixóo a maioría social, sindical e da comunidade educativa, que non deixan de reclamarlle unha rectificación na súa política lingüística. E pouco lle importaron os informes institucionais -Real Academia Galega, Consello da Cultura Galega ou Consello Consultivo- que rexeitaron o decreto. Unha vez máis o Goberno do PP desoíu o clamor social contra a súa política galegófoba.

A decisión unilateral do PP de substituír o decreto 124/2007 -que estabelece o galego para, como mínimo, o 50 por cento das materias, sen que nin sequera se cumpra- polo novo "decreto do plurilingüismo" contradí a Lei de Normalización Lingüística e o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, aprobados por unanimidade polo Parlamento de Galiza, xa que ambos os dous obrigan a promover o idioma do país no ensino. Xa llo advertiu á Xunta o Consello Consultivo, que avaliou que as liñas xerais da norma conculcan a Constitución, o Estatuto e a Carta Europea das Linguas Minoritarias, xa que este decreto fai inviábel garantir que os cativos e cativas finalicen cada etapa educativa con destrezas comunicativas tamén en galego.

O Consello Consultivo lembroulle á Xunta que "a acción normalizadora da lingua propia ten que implicar, necesariamente, a adopción de accións e medidas de apoio singularizado ou reforzado para garantir a subsistencia e desenvolvemento desta lingua", algo do que carece totalmente o decreto contra o galego".


Feixóo cambiará a lei

Un dos aspectos que recollía o borrador do decreto era a consulta aos pais en Primaria e Secundaria, na que as familias decidirían cada catro anos -é dicir, polos seus nenos e polos que veñen en cursos atrás- a lingua na que educarían os seus fillos. Porén, o PP descartou esta consulta para o vindeiro curso, xa que os expertos alertaron o Goberno que delegar nos pais a facultade de escoller o idioma de varias das materias é ilegal.

Con todo, Feixóo non desiste do seu empeño. Ante a "falta de cobertura legal", o conservador teima en sacala adiante nesta lexislatura. Para iso, quere aprobar no Parlamento unha lei que regule as consultas aos pais no ensino, algo nunca visto no Estado. Con esa "lei para incentivar a participación" na man, que Feixóo conta ter nesta lexislatura, o PP retomará a consulta de Secundaria.


Sen rectificacións

Non hai marcha atrás, polo menos segundo o contado onte polo presidente, en ningún outro aspecto. Segue o carácter vinculante da consulta en Infantil, que se fará anualmente no sobre da matrícula. Iso si, o PP cúrase en saúde e substitúe o termo "consulta" por "pregunta".

Tamén continúa a "liberdade dos alumnos para poder dirixirse ao profesor e facer os exames" na lingua oficial que estimen oportuno, aspecto moi criticado por moitos pedagogos.

Con este decreto Galiza pasa a ser a única autonomía do Estado español na que se prohibe por norma que se poidan impartir algunhas materias na lingua propia, algo que non acontece nin tan sequera noutros lugares onde goberna o PP. Malia esta restrición, máis de 4.500 docentes xa asinaron un documento no que manifestan a súa vontade de continuar impartindo as clases en galego. O sindicato maioritario no sector, a CIG-Ensino, amosoulle o seu apoio aos profesores e profesoras que sigan a empregar o idioma de Galiza nas súas aulas. Tamén advertiu de que se a Xunta expedienta algún docente, "todo o ensino se porá en pé".


O pacto da hipocrisía

O decreto contra o galego aprobouse só tres días despois de que Feixóo apelase, ante a Real Academia Galega, a un "gran pacto lingüístico", un acordo de faciana propagandística que non recolle máis que unha lei básica datada do 1981. Para Feixóo, este consenso pasa pola cooficialidade entre o galego e o castelán, pola consideración da lingua galega como propia de Galiza, pola acción positiva para a extensión do seu coñecemento e uso e pola aplicación do principio de non discriminación por razón de lingua. Este "gran pacto" vén sendo o artigo 5 do Estatuto de Autonomía, de 1981. Ante o estado de saúde preocupante que sofre o idioma, o Goberno só o ataca e lle receita mínimos.

Se Feixóo realmente quixer recuperar a xa de por si escasa lexislación en materia lingüística co "gran pacto", tería que comezar por desistir da súa cruzada contra o galego e por retirar este decreto. Se realmente quixer rectificar, Feixóo tería que retroceder no amplo abano de accións contrarias á promoción do galego. De pouco serven as verbas se non se dota do mesmo status legal o galego que o castelán.

Versió PDF Imprimeix
Col·labora amb Tribuna.cat
Si vols fer una aportació econòmica, emplena les següents dades, escull la quantitat econòmica que vols aportar i el mètode de pagament que prefereixis. Estem molt agraïts per la teva col·laboració.
COL·LABORA-HI
Indica publicitat