Indica publicitat
Dissabte, 31 d'octubre del 2020
CASTELLANO  |  ENGLISH  |  GALEGO  |  FRANÇAIS
tribuna.cat en format PDF
Cerca
Divendres, 26 de febrer del 2010 | 14:17
Crònica · Galiza

Madrid planta a Galiza na negociación da Lei de Caixas

O Goberno central decidiu onte suspender ás 13h00 a reunión convocada para ás 18h00 cos representantes da Xunta de Galiza para negociar a Lei de Caixas impulsada polo BNG e aprobada no Parlamento galego cos votos favorábeis dos nacionalistas e do PP. Despois de que Madrid interpuxese un recurso contra a lei, admitido a trámite polo Tribunal Constitucional, os responsábeis do Goberno galego e do español sentaron en varias ocasións para limar os puntos de desencontro. Todo apuntaba a un achegamento de posturas logo de que esta semana, Xunta e Executivo central acordasen modificar seis dos nove puntos en conflito.

Así, os cambios máis significativos foron os referidos ao rexistro de altos cargos, entidades representativas de intereses colectivos e ao sistema institucional de protección (SIP) e resolvéronse propoñendo a mesma redacción que consta nas lei de caixas de Catalunya, Madrid e Andalucía, respectivamente. Porén, as dúas administracións seguían sen acadar un entendemento no que respecta ás situacións de déficit patrimonial, xa que o Estado non acepta a proposta da Xunta, que consiste en facer referencia á repartición competencial que deriva da normativa vixente.

Tampouco chegaron a un acordo sobre a maioría necesaria para autorizar unha fusión das caixas galegas nin sobre a representación de intereses colectivos no consello de administración. O orzamento da obra social e a renovación dos representantes dos empregados foron outros dos factores en conflito. O desencontro na negociación das dúas administración tivo lugar onte. Nunha rolda de prensa, o conselleiro de Presidencia, Afonso Rueda, manifestou o seu "estupor, indignación e sensación de comprobar o grao máximo de deslealdade" do Executivo español da Xunta coa suspensión da reunión prevista para a tarde.

Segundo o responsábel do Goberno de Feixóo, o secretario de Estado de Cooperación Territorial, Gaspar Zarrías, chamou "para dicir literalmente que ou a reunión servía para que a delegación da Xunta asinase a lei andaluza de caixas ou o mellor era que non fósemos á xuntanza porque non íamos acadar ningún acordo".

Para cando o recurso ao FROB?
Tras o desplante de Madrid á Xunta, as reaccións non se fixeron esperar. O BNG, impulsor da Lei de Caixas de Galiza no Parlamento, pediulle ao Goberno galego que se faga respectar. Para o líder nacionalista, Guillerme Vázquez, as negociación co Estado "nunca deberon ter lugar e agora a única saída posíbel é que o Goberno central ceda". Vázquez instou unha vez máis a presentar un recurso de inconstitucionalidade contra o FROB pola actitude "prepotente" do Goberno de Zapatero. "O Executivo central só retirará o recurso contra a Lei de Caixas se ve que lle ten un custe político", sinalou o portavoz do BNG.

Os nacionalistas agardan que as negociacións entre o Estado e Galiza "non se traten dun paripé para chegar a un acordo entre eles dous", xa que en ningún caso aceptará unha modificación substancial desta lei que recolle a vontade do Parlamento para que a decisión das caixas galegas fique no país e non en Madrid.

Agora queda esperar a próxima e parece que definitiva reunión entre a Xunta e o Goberno central. Zarrías asegurou onte que a vindeira xuntanza cos representantes galegos será a derradeira para conseguir que a Lei de Caixas "volva á legalidade", xa que cree que outro encontro máis -tras "20 horas de negociación"- sería "contraproducente".

Versió PDF Imprimeix
Col·labora amb Tribuna.cat
Si vols fer una aportació econòmica, emplena les següents dades, escull la quantitat econòmica que vols aportar i el mètode de pagament que prefereixis. Estem molt agraïts per la teva col·laboració.
COL·LABORA-HI
Indica publicitat