Indica publicitat
Dilluns, 24 de setembre del 2018
CASTELLANO  |  ENGLISH  |  GALEGO  |  FRANÇAIS
tribuna.cat en format PDF
Cerca
Divendres, 27 d'agost del 2010 | 15:15
Crònica · Galiza

A Xunta corta' coa mocidade

Supuxeron unha aposta arriscada do BNG na Xunta e espertaron a admiración doutras autonomías. No 2006, a creación dos centros Quérote remataba coa exclusión da sexualidade na axenda do Goberno galego e cumpría coas recomendacións da Organización Mundial da Saúde (OMS). A exaculación precoz, as enfermidades de transmisión sexual, a prevención do embarazo ou o aborto deixaron de considerarse tabús, mais desde a chegada do PP a San Caetano, volven ficar no silencio. O equipo de Feixóo prefire traballar por unha lei impulsada por asociacións antiabortistas que, en realidade, agocha a creación e o financiamento con fondos públicos dunha rede privada de apoio ás mulleres embarazadas.

Até o de agora, tamén os centros Quérote fornecían información e protección neste sentido e non "obrigaban" a abortar as mozas -como acusou o bipartito Paula Prado, deputada do PP, encargada de defender no Parlamento de Galiza unha lei que non respecta a liberdade das mulleres para decidirmos sobre o noso corpo e que soporta unha carga de moralidade inadmisíbel. Se tanto quer contribuír as embarazadas, por que o PP non lles ofrece axudas ás nais e aos pais? Por que non adopta novas medidas que garantan a conciliación familiar e laboral?

Mentres os centros Quérote, que traballaban nomeadamente na prevención, sofren unha paralización evidente, o Goberno de Feixóo financia con diñeiro das galegas e galegos asociacións antiabortistas. E iso que investir en materia de prevención -como viña facendo a Dirección Xeral de Xuventude, baixo a responsabilidade do BNG-  contribúe a evitar os embarazos non desexados. Así o ratifican os datos que achega o Ministerio de Igualdade, que revelan que as interrupcións voluntarias pasaron de 2.546 no 2007 a 1.981 -a segunda cifra máis baixa do rexistro histórico- no 2008, último ano do que se posúe información.

A postura contraria ao aborto do PP pode mesmo advertirse na propia web de Xuventude que, para informar sobre o aborto, remite as usuarias e usuarios ao portal do Sergas. Á vez, esta páxina acubilla unha ligazón da Red Madre, colectivo que impulsou a lei antiabortista á que os votos dos conservadores lle deron luz verde no Hórreo.

Á falta de promoción que padecen os Quérote -rebautizados agora baixo a denominación "Quérote Máis"- súmanse as novas tarefas que o PP lles encomendou aos técnicos, como os cursos de desordes alimentarios, drogodependencias, acoso e convivencia, uso responsábel das novas tecnoloxías e, mesmo, condución responsábel. No que vai de lexislatura, a Xunta, lonxe de desenvolver campañas para facer visíbeis os centros, optou por limitarlles o servizo, como no caso da Coruña e de Burela, onde deixaron de abrilos acotío. Obvia Feixóo as advertencias de médicos e educadores, que alertan de que os adolescentes carecen dunha formación axeitada en sexualidade.

A falta de interese do Goberno do PP polos Quérote reflíctese na web da rede, que só recolle tres noticias desde a chegada de Feixóo a San Caetano. Tamén se observa no tratamento dos gais, lesbianas, bisexuais e transexuais (LGBT), colectivo que sofre marxinación por parte da Dirección Xeral de Xuventude do PP. Mais, que imos agardar dun partido que apoia co financiamento público organizacións ultraconservadoras como Hazte Oír? Este colectivo -que pertence ao Foro Español da Familia- abrangue posturas que oscilan entre o Opus Dei e os Lexionarios de Cristo e considera a homosexualidade como patoloxía. Asemade, rexeita toda política de tendencia liberal ou progresista e nin sequera acepta a existencia do aborto terapéutico, aquel xustificado por razóns médicas ao quedar en perigo a nai ou o bebé. Algúns dos integrantes de Hazte Oír, que mesmo acusan o PP de "acomplexado", militan en partidos ultradereitistas que abranguen desde a Comuñón Tradicionalista Carlista, a Alternativa Española ou Familia y Vida. Hazte Oír xa lle solicitara ao Goberno do PP este mesmo ano que deixase de promover "unha sexualidade pervertida entre os adolescentes" -en referencia aos centros Quérote.

Mais non só os centros Quérote foron desmantelados, tamén foron esquecidas outras iniciativas pioneiras da anterior Dirección Xeral de Xuventude, como a Rede Galega de Locais de Ensaio. Malia a demanda da mocidade, o Goberno do PP non orzou nin un só local máis e nin tampouco desenvolveu os proxectos deseñados polos anteriores responsábeis. O mesmo acontece coa Tradescola, a escola de música tradicional, da que nin sequera se escoita falar, ou co ciclo "Conversascon", cos que a dirección xeral achegaba a xuventude a temas actuais. Ás mozas e aos mozos privóusenos dunha política activa que desembocou nunha caste de amálgama da moral do PP. como cortar co futuro

Versió PDF Imprimeix
Col·labora amb Tribuna.cat
Si vols fer una aportació econòmica, emplena les següents dades, escull la quantitat econòmica que vols aportar i el mètode de pagament que prefereixis. Estem molt agraïts per la teva col·laboració.
COL·LABORA-HI
Indica publicitat