Indica publicitat
Dimecres, 8 de de juny del 2022
CASTELLANO  |  ENGLISH  |  GALEGO  |  FRANÇAIS
tribuna.cat en format PDF
Cerca
Dimecres, 30 de de desembre del 2009 | 14:03
Crònica · Galiza

O PP, desgaleguizando e españolizando Galiza

Ataques á identidade nacional e privatización resumen as principais liñas de acción do PPdeG desde que accedeu á Xunta de Galiza tras unhas eleccións marcadas por unha campaña difamatoria. O PP facíase co Goberno galego grazas á desmobilización do electorado máis de esquerdas, que se decantou pola abstención logo dun agresivo plan dos populares contra o socialista Emilio Pérez Touriño, daquela presidente da Xunta, e contra o nacionalista Anxo Quintana, vicepresidente. Mentres que o PPdeG -que se define como galeguista nos seus estatutos- se afanaba en impulsar a españolización e en erradicar os avances conseguidos polo bipartito no primeiro mes á fronte do Goberno, o PSdeG e o BNG movían ficha. Os socialistas substituían a Touriño por Manuel Vázquez como secretario xeral e os nacionalistas decantábanse por Guillerme Vázquez para ocupar a Portavocía Nacional.

Nos primeiros meses dos conservadores na Xunta, saíu á luz a suposta incompatibilidade do conselleiro Agustín Hernández -que adxudicou obras sendo un cargo público na época de Fraga a empresas nas que despois traballou- e tamén se coñeceron as relacións do PPdeG co 'Caso Gürtel'. Pouco lle importaron a Alberte Núñez Feixóo os problemas internos do partido -no que cada vez era máis evidente a fenda entre o sector da "boina" (os galeguistas) e o do "birrete" (a corrente que segue os ditados de Xénova). Malia os escándalos que afectaron os populares, o novo presidente do Goberno galego comezou a impulsar unha serie de medidas antigalegas baixo unha aparente unión do PPdeG.

En menos de seis meses, o Executivo modificou a Lei da Función Pública para evitar que se garantise o uso da lingua na Administración. Daquela, o PP aludiu a "barreiras lingüísticas", suxerindo que o galego, máis que un idioma é un lastre. Tamén suprimiu o decreto de Educación Infantil que regulaba o uso e promoción da lingua nesta etapa, atrasou as axudas á normalización e recortou os orzamentos de Política Lingüística en máis dun 20 por cento. Coa chegada do novo ano, Feixóo cumprirá a promesa electoral de derrogar o decreto do galego no ensino aprobado polo bipartito, que insta a impartir como mínimo a metade das materias no idioma do país e que nin sequera se está a cumprir.


Resposta social

Cando se cumpriu pouco máis dun mes da investidura de Feixóo como presidente da Xunta, o PP tivo que enfrontarse a unha exitosa manifestación en defensa da lingua -celebrada o 17 de maio- na que os participantes pediron contas da política lingüística contraria ao galego emprendida polos conservadores. Á tradicional marcha do Día das Letras sumouse a maior protesta a prol do idioma o 18 de outubro que, convocada pola plataforma Queremos Galego, reuniu máis de 100.000 persoas contra os ataques do Goberno á lingua. Ademais da oposición, o Consello da Cultura Galega e a Real Academia Galega -institucións pouco propensas a opinar sobre as liñas de acción da Xunta- pronunciáronse publicamente en contra das medidas adoptadas polo PP en lingua.

Aos recortes da xa por si escasa lexislación en materia lingüística, súmase o uso do español por parte dalgúns cargos da Xunta no desempeño da súa función pública e a exclusión do galego nalgunhas comunicacións internas. "La Coruña", "La conselleira del Mar", "Consejería del Medio Rural"... son algúns dos exemplos recollidos da papelaría oficial do Goberno. Ante o incumprimento sistemático da Lei de Transparencia da Administración, o BNG levou ao Parlamento unha moción coa que tentou sen éxito -por mor do voto en contra do PP- ratificar o compromiso da Cámara co Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega -que foi aprobado no 2004 por unanimidade dos Grupos Parlamentares.

Outra das medidas adoptadas por Feixóo foron a eliminación das axudas ás traducións literarias ao galego, a supresión da feira das industrias culturais do país (Culturgal) ou a desaparición da rede de escolas infantís (Galescolas) -implantadas polo BNG no bipartito e eloxiadas por organismos internacionais. Para erradicar todo vestixio do galego na nomenclatura dos centros de ensino, o PP gastou fondos públicos na cartelaría, nos rótulos e no material das galescolas, que pasaron a denominarse "A galiña azul".


Sen partido das seleccións

Na súa cruzada contra os sinais de identidade do país, o PP tamén suprimiu a organización do tradicional partido de Nadal das seleccións nacionais de fútbol -que en ocasións acabaron con superávit- aludindo a unha falsa austeridade que se contradí cos millóns outorgados polo Executivo a clubs deportivos privados.

Ao menosprezo á lingua e á cultura nacional, engadiuse o desmantelamento de todos os logros acadados a nivel social e económico polo bipartito. Nesta liña, o PP derrogou o decreto eólico creado polos nacionalistas, que buscaban un revulsivo económico e social para Galiza co desenvolvemento do sector, a repercusión dos beneficios no país, a aposta polo emprego e a titularidade pública do 14 por cento da potencia instalada. Tamén paralizou o proxecto de software libre Mancomún, a gratuidade universal dos libros de texto e as oficinas de Igualdade e Benestar. Aos poucos privatizará a sanidade e os servizos sociais escudándose en eufemismos como a "xestión externa".

Versió PDF Imprimeix
Col·labora amb Tribuna.cat
Si vols fer una aportació econòmica, emplena les següents dades, escull la quantitat econòmica que vols aportar i el mètode de pagament que prefereixis. Estem molt agraïts per la teva col·laboració.
COL·LABORA-HI
Indica publicitat