Mariano Raxoi teimaba en rexeitar que o Congreso tomase en consideración a reforma do Estatut catalán aprobada polo seu parlamento. Á mesma hora, na Galiza, o que pasa por ser o seu home de confianza, Alberte Núñez Feixoo, pretendía que o próximo pleno do parlamento galego debatera sobre a súa “reforma”. As razóns esg Mariano Raxoi teimaba en rexeitar que o Congreso tomase en consideración a reforma do Estatut catalán aprobada polo seu parlamento. Á mesma hora, na Galiza, o que pasa por ser o seu home de confianza, Alberte Núñez Feixoo, pretendía que o próximo pleno do parlamento galego debatera sobre a súa “reforma”. As razóns esgrimidas polo ex presidente da Xunta non eran outras que o “estatuto catalán aféctalle a Galiza, porque esta perde coa reforma, porque os catalán queren comer sós, para poder comer máis”.
Os nacionalistas acusaron ao PP de querer “cercenar os dereitos de Catalunya cando non fan os deberes na casa”. Desde o PSOE dixeron que esta iniciativa era “un encargo de Madrid”. No PP de Galiza semellan ter moito máis claro o que facer co Estatuto catalán, rexeitalo por principio, que co Estatuto galego. Fraga xa afirmou en dúas ocasións que se aparece por calquera lado a palabra nación, o PP non vai participar. E aparecer aparece, tanto na proposta do BNG como nas bases que xa redactaron os socialistas.
Malia a todo, esta mesma semana, na última reunión da Executiva do PP con Fraga, aprobaron constituír unha comisión que redacte un anteproxecto de Estatuto. Esta será a proposta que o PP leve á comisión parlamentaria encargada de redactar a nova Carta Magna galega. Ben é certo que a proposta non vai estar rematada até despois de xaneiro, cando non só se elixa ao sucesor de Fraga Iribarne en congreso extraordinario, senón cando se marquen as liñas a seguir no PPdG. Unha política que pode ser moi distinta segundo quen gañe. Xosé Cuíña, un dos candidatos, fala de “refundar o PPdG en clave galeguista”. Xosé Manuel Barreiro, tamén inclúe o galeguismo no seu programa, sendo partidario da reforma estatutaria. López Veiga pensa que o PPdG xa é moi galeguista e pouco liberal. E o cuarto candidato en discordia, Núñez Feixoo, é partidario de participar na reforma, pero seguirá a estratexia marcada desde Madrid se é o elixido e gaña a súa liña marianista. Para enredar un pouco máis as cousas no PP, Meilán Gil, un dos expertos chamados por Feixoo para a súa ponencia estatutaria interna, xa afirmou ao día seguinte que Galiza non pode aceptar menos competencias ou unha definición diferente ca das outras dúas comunidades históricas. Veremos ao PP pedindo para Galiza o que rexeita para Catalunya? Segundo quen trunfe internamente. Xa pasou así en 1981. Mentres tanto, a Xunta deu a coñecer unha enquisa na que se afirma que case o 70% dos galegos están a prol da reforma estatutaria.