O vicepresidente da Xunta e voceiro nacional do BNG, Anxo Quintana, propuxo unha fórmula de consenso para o recoñecemento de Galiza como nación no debate da autonomía. O PSOE, por boca do presidente Pérez Touriño, aceptou a proposta. Non así o PP que prefire agardar a que o Tribunal Constitucional se pronuncie sobre o recurso que eles presentaron contra o Estatuto catalán.
A fórmula escollida por Anxo Quintana é moi semellante á catalá: “A tradición e o sentimento galeguista que nos unen como pobo e o Parlamento que nos representa como cidadáns definen a Galiza como unha nación. A constitución española no seu artigo 2 recoñece o carácter nacional de Galiza como nacionalidade histórica”. Desaparece así un dos principais atrancos que tiñan empantanado o novo Estatuto. O seu preámbulo, onde iría a definición de nación, aínda non foi discutido na procura dun consenso. Así as cousas, o novo Estatuto vai ir a pleno no mes de decembro, malia aos filibusterismos dilatorios do PP que, seguindo a consigna de Mariano Raxoi, tenta deixar pasar as eleccións municipais para discutir o Estatuto.
Pero para ser aprobado o Estatuto no relatorio (comisión), nacionalistas e socialistas non precisan do PP, chégalles a súa maioría simples. Non así no pleno no que o voto favorábel dos populares e condición indispensábel para que o Estatuto saia adiante na Galiza. PSOE e BNG xa pactaran antes do verán as liñas xerais do Estatuto. Agora, á marxe do relatorio, estanse a reunir para pactar o articulado. O problema era a definición de Galiza como nación, termo aceptado polos socialistas, pero sen que se desen decidido por unha redacción concreta por que, no fondo, a palabra nación próelles máis da conta. Quintana, coa súa proposta, colleunos de sorpresa e, a imaxe de unidade no goberno que tiña como eixe a intervención do presidente Touriño podería quedar esborrallada se se negaba a aceptar esta fórmula xa aprobada en Catalunya, pero que na Galiza tiñan rexeitado.
Por iso tivo que darlle os seus parabéns entre aplausos do seu grupo a fórmula dos nacionalsitas. Núñez Feixoo non se pechou en redondo a apoiar esta fórmula, senón que realizou diversos circunloquios para non pronunciarse de xeito claro. Por tres veces lle contestou a Quintana, do que gabou o seu talante de diálogo contrapoñéndoo con Touriño, que se existe acordo no articulado, non se preocupase polo preámbulo. Pero tamén se referiu a que era mellor agardar a que se pronunciase o Tribunal Constitucional sobre o recurso contra o Estatuto catalán para definir o Estatuto galego sen que poda ter os mesmos problemas. Así mesmo, reiterou que non está disposto a que, nin no fondo nin na forma, o Estatuto galego sexa inferior ao de Catalunya. Fontes do PP explicáronlle a este xornalista que Feixoo necesitaba tempo. Que un fallo en contra do Estatuto catalán resolveríalle o problema na Galiza e que a súa constitucionalidade obrigaría á dirección de Madrid a aceptar a mesma fórmula para o galego. Pero as poucas horas, Eduardo Zaplana tentaba por as cousas no seu lugar: “nunca aceptaremos a palabra nación nun Estatuto, nación só hai unha España”.
Quintana tamén deixaba claro a estratexia de obrigar a que o PP se defina. “Ten que haber un acordo para o novo Estatuto e ten que habelo antes de que remate este ano, pero se non o hai nese tempo, haberá que asumilo e afrontalo con normalidade e tranquilidade. Sen deixarnos arrastrar pola incerteza e a melancolía. Os cidadáns agardan de nós que lles digamos con claridade que vai pasar”. O que vai pasar xa llo contamos a vostedes ao comezo. Malia ás presións internas do sector “galeguista” e as municipais á volta da esquina, Feixoo non é quen de contradicir a Madrid.