Tres anos despois, Nunca Máis existe. Aquel movemento galego, que asombrara ao mundo coa súa puxanza e os seus novos métodos de mobilización cando a catástrofe do Prestige, non desapareceu. Pasados mil días daquela marea negra que conmocionou a Galiza (polo seu efecto e pola solidaried Tres anos despois, Nunca Máis existe. Aquel movemento galego, que asombrara ao mundo coa súa puxanza e os seus novos métodos de mobilización cando a catástrofe do Prestige, non desapareceu. Pasados mil días daquela marea negra que conmocionou a Galiza (polo seu efecto e pola solidariedade atopada) a plataforma Nunca Máis lembra que aínda hai cuestións que resolver e chama á mobilizarse o próximo domingo en Compostela. Unha nova mobilización, que, como hai un ano, pretendía ser só un recordo e sorprendeu aos propios organizadores ao superar os 20.000 manifestantes
(pensaban en 2.000 como máximo). Pero este ano a protesta vai ter lugar no marco dun novo contexto político: xa non goberna o PP contra o que loitou teimudamente a plataforma, senón un goberno bipartito no que se integraron varios integrantes deste movemento reivindicativo. O cambio é tal que o Día da Dignidade, proclamado por Nunca Máis para a data da catástrofe, agora vai oficializarse. Así se comprometeu o vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, esta semana cando recibiu a unha numerosa delegación da plataforma. Por certo, a primeira vez que foron recibidos por un goberno.
Pero esa concordancia con algúns dos obxectivos de nacionalistas e socialistas, entre eles sacar a Fraga da Xunta, non quere dicir que desde Nunca Máis non sigan a reclamar “solucións é xustiza”. Ese é, precisamente, o lema da manifestación. Reclaman “coa mesma forza ca sempre, coa mesma coherencia e coa mesma firmeza, un compromiso claro das Administracións para superar a catástrofe e as súas secuelas”. Desde Nunca Máis afirman que as consecuencias do Prestige non están superadas. Sinalan feitos que así o constantan: Aínda hai afloramentos de petróleo, a semana pasada na praia do Rostro; reducción importante nas capturas da pesca e marisqueo... e, sobre todo, a persistencia do mesmo risco nas costas galegas. Máis de 13.000 barcos pasan anualmente diante das costas galegas con mercadorías perigosas nas mesmas condicións que o Prestige. Así, o chamamento á cidadanía é claro para evitar outro Prestige e ás autoridades para que leven a cabo accións en tres liñas fundamentais: apoiar a recuperación económica dos sectores afectados; avanzar na rexeneración medioambiental e urxente tratamento e procesamento axeitados dos residuos procedentes do Prestige e, por último, reducir o risco de novos accidentes nas costas. Polo tanto, non se trata dunha efemérides máis, agora institucionalizada, senón dunha data reivindicativa que ten todos os alicerces para callar no calendario galego como referencia mobilizadora de persoas e conciencias.