O BNG considera que, nos últimos meses, existiron importantes variacións políticas no Estado que necesitan unha adecuación da súa política. Segundo o aprobado polo seu Consello Nacional, as dúas variantes principais foron o anuncio do alto o fogo permanente por parte de ETA e a reorientación do PSOE cara posicións máis conservad O BNG considera que, nos últimos meses, existiron importantes variacións políticas no Estado que necesitan unha adecuación da súa política. Segundo o aprobado polo seu Consello Nacional, as dúas variantes principais foron o anuncio do alto o fogo permanente por parte de ETA e a reorientación do PSOE cara posicións máis conservadoras.
Os nacionalistas analizan que existen moitos dados que apuntan a que podemos estar asistindo ao principio do fin de ETA e con iso á necesaria pacificación e normalización política de Euskadi.
Xa que logo pensan que esta oportunidade non se pode desaproveitar, reclamando unha acción unitaria e decidida dos axentes políticos para consolidar as expectativas de paz.
No BNG afirman que e perspectiva do fin do terrorismo é enormemente positiva, por que, entre outras cousas, o fin do terrorismo "dificulta o uso político do mesmo para procurar a criminalización do nacionalismo". Esta campaña antinacionalista desde o Estado, equiparando nacionalismo a terrorismo, sería unha das eivas electorais que impediu o ascenso do BNG.
Os nacionalistas afirman que foron dos poucos partidos que defenderon sempre que o fin do terrorismo requiría, na súa última fase, unha solución dialogada, pero que este diálogo non se debe acoutar só ao PSOE e PP, senón que é necesario o concurso de todas as forzas políticas e do papel activo do parlamento e Goberno vasco.
Neste senso, no BNG existe medo a un futuro pacto dos socialistas e populares a nivel de Estado. Pensa que a nova situación pode levar a un novo reposicionamento do PP a nivel estatal coa conseguinte reapertura do diálogo co PSOE, que remataría nun pacto entre ambos partidos que levaría de novo ao 'café para todos', aínda que con máis competencias estatutarias.
O PSOE xa estaría a por en marcha este novo deseño, que tería as características dun modelo federal pechado. As bases nas que se sustentaría, que o PP podería apoiar, sería que os procesos estatutarios quedasen definitivamente pechados logo das reformas e o reforzamento do Senado e a Conferencia de Presidentes, que serían os órganos de debate sobre as cuestións territoriais.
Paralelamente tratarían de restarlle capacidade de influencia ás forzas políticas nacionalistas na política estatal. Para iso poñerían en marcha unha reforma da lei electoral (que xa propugna Mariano Raxoi e apoian moitos dentro do PSOE), que acentúe a sobrerrepresentación do PP e PSOE e, mesmo, a aparición dunha terceira forza estatal que asegure a gobernabilidade en escenarios sen maioría absoluta.
Os socialistas, segundo a análises realizada polo Consello Nacional do BNG, xa están a reorientar a súa política cara posicións máis 'conservadoras'. Os indicios serían a recondución da LOE, das relacións co Vaticano, da política exterior, cunha maior implicación en Afganistán, por exemplo, o continuísmo na política económica a respecto da era Aznar (proxecto de lei da reforma do IRPF) e a recondución dos procesos estatutarios, cos recortes do Estatut Catalá e o pacto co PP en Valencia.
No BNG creen que esta 'reorientación' obedece en parte á presión xerada polo PP e o seu entorno, coa complicidade de sectores do Exército, do poder xudicial, da grande patronal e da xerarquía eclesiástica, pero tamén a posición internas dentro do PSOE que avalaron e lle deron credibilidade ás críticas que os socialistas aturaron da dereita.
Esta situación sería indicativa das dificultades para introducir modificacións substanciais no modelo dun Estado que ten ao bipartidismo como a súa principal base de sustentación.
Ante esta nova situación, o BNG non descarta que haxa un adianto das eleccións a nivel de Estado. Os socialistas virían fortalecer as súas posicións, pero os nacionalistas podían ver revalorizado o seu papel, entre outras cousas por que a tensión bipartidista podería ser menor.
Ente o novo escenario político, o BNG considera prioritario marcar o seu perfil nacionalista como organización indispensable para a defensa dos intereses de Galiza. Así mesmo o BNG aposta por seguir profundando na coordinación e intervención política como Galeuscat para facer da mesma o núcleo vertebrador duna opción alternativa na política estatal a PP e ao PSOE.