O próximo sábado o Consello Nacional do Bloque Nacionalista Galego aprobará os relatorios (ponencias) que se van discutir na súa XII Asemblea Nacional, a celebrar nos primeiros días de decembro.Tres son os principais cambios orgánicos. A supresión do Presidente do Consello Nacional; a conversión do coordinador da Executiva como voceiro orgánico e que, a partires de agora os plenarios das Asembleas se celebren mediante delegados. Tamén se aprobarán mecanismos que garantan a relación orgánica co goberno.
O cargo de Presidente Nacional instaurouse na anterior Asemblea para que ocupase un Xosé Manuel Beiras que deixaba o posto de Portavoz Nacional. Logo de dimitir Beiras, por non encabezar unha das candidaturas autonómicas, o posto semella sen sentido nin contido. Ao chegar o BNG ao goberno autónomo, Anxo Quintana, voceiro nacional, é á vez vicepresidente da Xunta. Os nacionalistas pretenden que ma sociedade visualice axeitadamente cando se fala como integrantes do goberno e cando é unha opinión orgánica. Polo tanto, o Coordinador da Executiva vai ser facultado para que sexa, nesta situación, o portavoz orgánico que saia a cotío opinando sobre os principais temas de actualidade coa visión do BNG, que non ten que ser a mesma dun goberno de coalición. A outra reforma, que se levantou bastante remuíño é a de celebrar os plenarios das Asembleas por delegados. Argumentan que con máis de oito mil militantes é imposíbel garantir unha participación axeitada no debate final se a concorrencia segue a ser universal. Os estatutos do BNG xa contemplan esta posibilidade, pero algúns sectores afirman que sería perder o asemblearismo.
Trátase precisamente, e aínda que semelle paradoxo, daqueles que pretenderían conducir ao BNG cara un partido tradicional. Por que se opoñen logo? Por que nunha elección por delgados ollaríase con anterioridade a forza de cada unha das sete organizacións que formalmente conforman a fronte nacionalista. Moitas delas, por ser das fundadores, están agora sobrerepresentadas na dirección. A outra novidade é a aprobación de mecanismos que garanten a relación orgánica co goberno, fixando o método para a elección dos cargos gubernamentais, que deberán ser validados polo Consello Nacional. Aspecto ideolóxico No apartado ideolóxico, os relatorios tratan de definir as apostas políticas e estratéxicas para os próximos tres anos. Así, apostan pola transformación do Estado español nun Estado plurinacional, admitindo as relacións con partidos estatais españois e portugueses sempre e cando sexan respectuosos co pluralismo e favorábeis ao diálogo co nacionalismo. Consideran que o autogoberno non é factíbel sen plena autonomía fiscal e que Galiza ten capacidade financeira suficiente para valerse por si mesma se contan cos instrumentos políticos e fiscais para poder responsabilizarse plenamente.
Apostan decididamente por un Estatuto de nación, considerandoo como un paso máis no proceso de liberación nacional, por que, afirman, conquistas a soberanía é un proceso dinámico e progresivo. Oposición A estas teses opoñeranse tres correntes internas que veñen de presentarse. A primeira chámase Alternativa. Está liderada por Camilo Nogueira, aínda que non se presentará a Portavoz Nacional, e nela agrúpanse ademais de membros de Unidade Galega, os de Esquerda Nacionalistas e colectivos independentes. Esta corrente, a última en entrar a formar parte do BNG, aposta por convertelo nun partido e declárase europeísta. Mesmo algúns defenden o independentismo, aínda que son considerados perfectamente integrados no sistema. Critican os que consideran o “declive político e organizativo”. Unha segunda corrente opositora leva o nome de Irmandiños. Enucléase ao redor do ex Portavoz Nacional Xosé Manuel Beiras, apoiado polo Colectivo Socialista. Afirman que o BNG padece “declive nacionalista”, reorientando cara unha “acción seria é conssitente”.
Beiras afirma que non pretende “asaltar o poder”, pero existen conversas coa Alternativa para presentar lista conxunta, aínda que é difícil que se podan por de acordo, por máis que os actuais inimigos sexan o Portavoz Nacional Anxo Quintana, que lidera aos independentes, (sen adscrición partidaria, máis do 70% da militancia), e a UPG. Precisamente a outra corrente que se presenta como opositora a actual dirección procede maioritariamente da UPG, que abandonaron recentemente por, afirman, facer deixación ideolóxica fronte a grupos que consideran autonomistas e de dereitas, os nomeados anteriormente e o que se xunta ao carón de Quintana. Esta corrente, con predicamento no sindicalismo nacionalista denomínase Movemento pola Base, no que xa é unha definición. Pero calquera destas correntes, aínda que se agrupase as tres, saben que non superarían o 35% dos votos na Asemblea Nacional de existir un pacto entre os independentes liderados por Quintana e a UPG.