Se alguén procuraba unha imaxe que evidenciase o cambio que se produciu na Galiza, o PP proporcionoulla na noitiña do 23 de novembro. Máis de 200 alcaldes e todos os seus deputados, agás Fraga, agarrados a unha pancarta ás portas do Parlamento.
Esa foi a foto final. Pero desde as catro da tarde houbo moitas outras secuencias que demostran que o PP xa non man Se alguén procuraba unha imaxe que evidenciase o cambio que se produciu na Galiza, o PP proporcionoulla na noitiña do 23 de novembro. Máis de 200 alcaldes e todos os seus deputados, agás Fraga, agarrados a unha pancarta ás portas do Parlamento.
Esa foi a foto final. Pero desde as catro da tarde houbo moitas outras secuencias que demostran que o PP xa non manda.
Douscentos alcaldes e cargos públicos ás portas do Parlamento sen poder entrar son moitos. Eles tan afeitos durante un cuarto de século a que lles flanqueasen todas as portas, incluídas as dos despachos oficiais, vían como lle impedían o paso ás dependencias do Pazo do Hórreo. Só tiñan 40 acreditacións, pero decidiron entrar todos. Uns acompañados por parlamentarios, os máis empuxando á policía autonómica que custodiaba a cámara. Unha dotación normal, insuficiente para parar a avalancha popular porque ninguén debeu matinar que esa “xente de orde” fose asaltar, literalmente, a se parlamentaria.
Pero non foi así, entraron pola forza. Xa dentro do recinto, despregaron as súas pancartas reivindicativas e recibiron aos deputados nacionalistas e socialistas entre asubíos. Os que lograron entrar ao salón de plenos dispoñíanse a continuar coa mesma actitude reivindicativa.
Ante tal situación, a presidenta, a socialista Dores Villarino, mandou desaloxar a todo o público da sesión, afirmando que entrara dentro do parlamento “unha manifestación para coaccionar aos deputados”. Logo de comparar o que estaba a ocorrer co 23-F, dirixíndose aos deputados do PP pediulles que se había algún que “crea que isto contribúe á democracia, á liberdade da Cámara e á liberdade de expresión, pídolle que abandone o hemiciclo”.
Meu dito meu feito. Todos os deputados do PP se trasladaron aos palcos do público para ocupar os postos dos seus alcaldes expulsados. Só quedaron no salón de plenos ex vicepresidente Núñez Feixoo e máis Roberto Castro, o parlamentario que ía interpelar ao conselleiro de Medio rural, Suárez Canal. Fraga xa tiña marchado (canto daría por vello agarrado á pancarta!).
Pouco tempo pararían os deputados do PP nas bancadas. Decidiron ante as palabras da presidenta unirse aos alcaldes que agardaban xa ás portas do recinto parlamentario.
O feito de violentar o Parlamento e entrar pola forza ao seu recinto é grave. Só se producira en dúas ocasións na Galiza malia aos importantes conflitos sociais que se viviron nestes case 25 anos. Os dous únicos casos foran os dos traballadores de Mafriesa e Megasa. O PP, daquelas do poder, denunciounos e foron condenados a prisión, aínda que logo serían indultados.
Pero se importante foi esa irrupción violenta dos cargos do PP na sé parlamentaria galega, o motivo da súa protesta tamén ten especial significación.
Demandan os rexedores do PP que se cumpra o Plano de Obras do Rural aprobado polo Goberno Fraga cando xa estaba en funcións. As obras tiñan que estar rematadas antes de finalizar o ano (algo materialmente imposíbel) e a súa execución imposibilitaría calquera outro plano de obras da Consellaría en tres anos. Ademais, neste plano de obras, onde os grande beneficiados eran concellos con alcaldes do PP, había piscinas, beirarrúas, asfaltados de pistas, e outras obras que nada teñen que ver co desenvolvemento rural e moito co caciquismo.
Así que a Consellaría decidiu suspender este plano que aínda non se comezara a executar e revisar as obras unha por unha para ver se se adaptan ás necesidades, prioridades e filosofías da consellaría. Non só por que estas son radicalmente diferentes ás marcadas polo PP, senón porque moitas destas obras tiñan que ser financiadas con fondos europeos e non cumpren a normativa, polo que a Xunta podía verse sancionada por Bruxelas.
Cal é en resumen a demanda do PP: que o actual Goberno siga coa mesma política que veñen realizando hai vinte e catro anos.
Afeitos a conseguir as obras nos despachos, cando deciden manifestarse, nin están afeitos, nin calculan nas consecuencias: violentan o Parlamento e afirman, en palabras do deputado Roberto Castro que “é unha lexítima protesta na súa casa, que é a casa de todos”.
Esclarecedor.